Constituída a Mesa do Camiño Mozárabe-Vía da Prata


O presidente da Deputación de Ourense, a directora de Turismo de Galicia, o xerente da Sociedade Xacobeo e alcaldes dos concellos polos que transcorre esta vía reuníronse no Pazo de Vilamarín, na presentación do Plan Director e Estratéxico do Camiño

Ourense, 5 de novembro de 2015.- No Pazo de Vilamarín tivo lugar hoxe a reunión do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e do xerente da Sociedade de Xestión do Xacobeo, Rafael Sánchez, con alcaldes dos concellos ourensáns polos que transcorre a Vía da Prata e co presidente da Asociación de Amigos da Vía da Prata, José Luis Rodríguez Cid, para presentarlles o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021.

Este plan permitirá, segundo explicou Manuel Baltar, potenciar e difundir o Camiño Mozárabe-Vía da Prata, ademais de mellorar as súas infraestruturas, tanto do trazado do camiño como dos albergues, e tamén o que atinxe á sinalización e promoción desta vía xacobea.

Dada a relevancia da Vía da Prata, que é o Camiño de Santiago de maior importancia da nosa provincia e que transcorre por 28 concellos, e tendo en conta que a Xunta ven de aprobar o Plan Estratéxico do Camiño de Santiago para o período 2015-2021, a Deputación de Ourense toma a iniciativa de reunir aos alcaldes da Vía da Prata para que, por medio da Directora de Turismo de Galicia, se lles explique o contido do plan.

Manuel Baltar afirmou que dende hoxe "queda constituída a Mesa do Camiño Mozárabe-Vía da Prata onde todas as administracións temos moito que achegar, posto que esta vía é un elemento de atracción turística e desenvolvemento social e económico que nos vencella directamente cun dos referentes da cultura occidental que é Santiago de Compostela".

"A Deputación de Ourense e os concellos polos que transcorre esta vía –engadiu Baltar- póñense a disposición da Xunta para entre todos manter o bo estado da Vía da Prata, incrementar e mellorar as prazas dos albergues e as sinalizacións, todo un traballo coordinado e coa participación dos tres niveis: local, provincial e autonómico, para que todo elo redunde na promoción axeitada desta vía de excepcional importancia para o desenvolvemento da provincia de Ourense".

O Plan Estratéxico do Xacobeo contempla designar o ano 2019 como "Ano do Camiño Mozárabe-Vía da Prata", nominación que irá acompañada ao longo destes anos de melloras relativas ao mantemento viario, sinalización e seguridade viaria no camiño, ademais de facelo máis accesible e de incluílo dentro dun plan de xestión integral medioambiental.

Xunto con iso, o plan contempla difundir os valores e as singularidades do Camiño Mozárabe-Vía da Prata, fomentar o voluntariado no Camiño e tamén a formación para a especialización e a excelencia nos servizos de atención ao peregrino. Estas medidas complétanse cun servizo continuado de seguridade e cun plan de asistencia sanitaria e de emerxencia no Camiño, así como co fomento de traballos de investigación e divulgación da cultura Xacobea.